SISTEMA INTELIXENTE PARA O CONTROL E CALIBRACIÓN ASISTIDA DE COLECTORES NA LOXÍSTICA 4.0. (NÚM. DE EXPEDIENTE: IN852A 2016/115)

O proxecto VISIONRACK aborda o reto de definir e desenvolver un sistema intelixente de medida para o control e a calibración no proceso de mantemento e fabricación de colectores loxísticos no sector da automoción, cunha alta precisión e eficiencia, grazas á tecnoloxía de visión artificial e técnicas específicas de calibración, e a interacción co operador no devandito proceso.
Dende un punto de vista técnico, definíronse os seguintes obxectivos:
- Definición estrutural do sistema de medida, determinando o número e tipo de cámaras de visión, condicións de iluminación, disposición de colectores, etc.
- Determinación de variables de entrada para a medida de colectores e análise de pezas, definindo parámetros e puntos de medida diferenciados en función da súa xeometría específica.
- Desenvolvemento de software e algoritmos para a toma de datos e o seu procesamento, así como para o manexo do histórico de medidas, determinación de accións preventivas e definición de traballos de mantemento.
- Deseño da técnica de calibración do sistema.
- Desenvolvemento do sistema de exame e representación gráfica en tempo real, de xeito que ao operario se lle mostren as posibles desviacións de forma visual sobre o deseño 3D do colector, para facilitar a reparación ou reaxuste. Tamén se evidencian as indicacións relacionadas co tipo de colector.
O consorcio do proxecto VISIONRACK está formado por tres pemes galegas:
- SYSPRO Engineering, SLU (líder do proxecto): empresa especializada en enxeñería de procesos, automatización, robótica e visión artificial para o sector industrial.
- IZMAR, SLU: empresa dedicada ao deseño, fabricación e mantemento de solucións loxísticas para o sector da automoción.
- InfoJC, SL: empresa especializada en sistemas de seguridade da información, xestión de datos e solucións TIC.
Ademais, contouse coa colaboración de:
- Centro Tecnolóxico AIMEN: encargouse da definición de algoritmos de visión artificial, sistemas de cálculo e comparación con tolerancia e desenvolvemento de estruturas para a medida. Desenvolvemento do sistema de exame e representación gráfica, arquitectura do sistema e probas.
Este proxecto está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), a través do programa Conecta PEME, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e, en particular, ao Obxectivo temático 01 “Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación”.
Galicia, marzo 2016 – agosto 2018
Estado actual do proxecto:
O proxecto finalizou. Ao longo dun período de 30 meses, leváronse a cabo as distintas actividades previstas no proxecto:
- Estudo inicial e definición de requisitos
- Deseño e desenvolvemento do sistema de medida e calibración
- Manexo de datos e algoritmo intelixente
- Desenvolvemento de prototipo e validación
Nas seguintes imaxes pódese visualizar o sistema prototipo desenvolvido e unha mostra da interface gráfica. O sistema prototipo manexa os datos nun ámbito Cloud seguro e conta con capacidade de predición que ha de ser alimentada co suficiente número de casos e medidas para que poida alcanzar o seu pleno potencial.