SENSO3 DESENVOLVE UN SISTEMA INNOVADOR PARA O TRATAMENTO DE AUGAS RESIDUAIS URBANAS BASEADO NO OZONO E CONTROLADO POR NANOBIOSENSORES – IN852A 2016/55

- Este novo sistema de depuración de augas residuais será complementario aos actuais e permitirá eliminar microcontaminantes como os pesticidas.
- Enmarcado no Programa ConectaPEME 2016, o consorcio do proxecto está liderado por NANOIMMUNOTECH e complétano as empresas TAYSUNAVE, SYSPRO e GESECO AGUAS. AIMEN participa como entidade colaboradora.
- SENSO3 utiliza sensores baseados en nanobiotecnoloxía para a monitorización dos contaminantes que permitirán mellorar o control do tratamento e diminuír os custos de análise e enerxéticos.
O proxecto SENSO3 (Eliminación de contaminantes en augas residuais urbanas mediante ozonización controlada mediante biosensores) ten como principal obxectivo o desenvolvemento dun sistema de tratamento por ozonización de microcontaminantes en auga e a súa monitorización e control mediante biosensores ópticos baseados en nanoprismas de ouro, para optimizar a súa eliminación minimizando os gastos de mantemento e operación.
O biosensor, baseado na tecnoloxía HEATSENS® da empresa NANOIMMUNOTECH, líder do proxecto, forma parte dun sistema que controla a mostraxe de auga, o proceso de medida e que se comunica coa unidade piloto de ozonización e a planta depuradora. A validación do sistema completo realízase nunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) da provincia de Pontevedra xestionada por GESECO AGUAS.
Na actualidade, os métodos de análise destas substancias na auga son complexos xa que requiren dun procedemento de ensaio moi laborioso, persoal altamente cualificado e un equipamento custoso. A integración dos nanobiosensores co tratamento de ozonización, metodoloxía de oxidación avanzada, axudará a controlar e axustar esta técnica para conseguir rebaixar os niveis de microcontaminantes por debaixo dos límites lexislados, ademais de facelo dun modo máis eficiente dende o punto de vista tecno-económico.
Principais Fitos Alcanzados en 2018
Este proxecto deu lugar a tres novos produtos. Por un lado, o sistema SENSO3, que inclúe o tratamento de ozonización combinado co sistema de control de proceso e de medida con nanobiosensores de aplicación como tratamento terciario no sector de augas residuais. Por outro lado, un sistema modular de medida con toma de mostra e nanobiosensores con saída para monitorización e control en procesos na industria biotecnolóxica (sector farmacéutico, agroalimentario e bioprocesos) e, por último, paquetes de nanobiosensores funcionalizados para microcontaminantes específicos de uso en laboratorios de análise de calidade e ensaios.
O consorcio centrou os seus esforzos durante o último ano de proxecto en poñer a punto os produtos do sistema SENSO3 e realizar a súa validación.
O biosensor integra un sistema de control e de detección optoelectrónico composto dun díodo láser infravermello de gran compactidade con saída a fibra óptica, así como a última xeración de detectores microbolómetricos térmicos. Combinado coa tecnoloxía HEATSENS® que asocia nanoprismas de ouro con anticorpos para a captura de microcontaminantes, o biosensor SENSO3 constitúe unha ferramenta moi sensible e eficiente para a detección de niveis moi baixos de contaminantes como os pesticidas. O biosensor está integrado nun sistema automatizado de mostraxe de auga e de preparación de mostras que se comunica coa estación de ozonización e o SCADA da EDAR para o envío de datos de medida e de control. Esta proposta permite o seguimento detallado do proceso dende a planta EDAR.
Colaboración intersectorial
O proxecto SENSO3, cun presuposto de 914.709 euros e unha duración total de 34 meses, enmárcase dentro do Programa ConectaPEME 2016.
O consorcio do proxecto está liderado por NANOIMMUNOTECH, primeira peme europea no sector da nanobiotecnoloxía. Para a consecución dos obxectivos do proxecto é necesario un enfoque multidisciplinario. Por este motivo, conta coa colaboración doutras PEMES que completan a cadea de valor do sistema SENSO3 como son TAYSUNAVE, especializada na fabricación de equipos de ozonización para tratamento de augas, SYSPRO, dedicada á enxeñería e automatización de procesos e GESECO AGUAS, empresa xestora e explotadora de EDAR, como usuario final e validador dos prototipos nun ámbito real.
Esta agrupación de empresas conta coa colaboración de AIMEN Centro Tecnolóxico.