SALTO PRESENTA UN NOVO SISTEMA DE FABRICACIÓN ROBOTIZADO RECONFIGURABLE MEDIANTE TECNOLOXÍA LÁSER PARA CORTE TÉXTIL – IN852A 2016/29

- Este sistema de corte láser permite a automatización do corte de tecido decorado altamente deformable para series curtas de produción.
- Enmarcado no Programa Conecta PEME 2016, o consorcio do proxecto está liderado por SELMARK e complétano as empresas SYSPRO, UNIMATE e ENXENIA. AIMEN participa como entidade colaboradora.
- Esta nova solución, en etapa preindustrial, permite reducir o tempo de ciclo do proceso de corte e adaptarse á variedade de tecidos e deseños, asegurando unha baixa taxa de fallos.
No proxecto SALTO desenvolveuse un sistema de corte láser, flexible e adaptativo, para o sector téxtil baixo un novo concepto de fabricación robotizada reconfigurable. En concreto, proponse o desenvolvemento dun novo sistema de fabricación integral que permite a automatización do corte de tecido decorado altamente deformable para series curtas de produción e cun gran número de referencias, deseños e modelos de produto.
Deste xeito, preténdese dar un salto cualitativo e cuantitativo nas capacidades produtivas para operacións de corte téxtil. As tecnoloxías desenvolvidas impactarán positivamente na eficiencia en fabricación e lead-time, así como na capacidade de fabricación de produtos cada vez máis individualizados e na mellora das condicións laborais dos operarios.
Esta nova solución, en estado preindustrial, permitirá reducir o tempo de ciclo do proceso de corte e o tempo de fabricación dun novo produto, dos tres días que se empregan na actualidade a unha estimación de medio día. Así mesmo, SALTO permitirá un aforro en tecido e unha mellora da taxa de fallos ou rexeitamentos que se poidan detectar durante o proceso de control de calidade.
Con esta nova solución, preséntase un innovador sistema de fabricación que supón a modernización industrial de especial interese para procesos de corte de tecido en empresas de confección téxtil.
Principais Fitos Alcanzados
Na anualidade 2018 completáronse as seguintes actividades de proxecto: software de control de proceso adaptativo e en liña, software de xestión da fabricación da cela e validación do sistema de fabricación. Isto inclúe a integración de visión artificial na aplicación de control, o control adaptativo da xeración automática de traxectorias de robot industrial, así como a integración no control da cela multiproceso, tanto a nivel de automatización como do proceso de fabricación de corte láser para a variedade de produtos empregados e de interese no sector da lencería.
Para a consecución dos devanditos progresos técnicos, ao longo de 2018, realizouse a integración de subsistemas en dúas celas robotizadas con configuración análoga, localizadas en AIMEN e Selmark, e quepermitiu a avaliación e validación dos devanditos desenvolvementos en ámbitos de laboratorio e preindustrial.
Colaboración intersectorial
O proxecto SALTO, cun presuposto de 357.435 euros e unha duración total de 34 meses, enmárcase dentro do Programa ConectaPEME 2016.
Para o desenvolvemento deste proxecto, constituíuse un consorcio multidisciplinario liderado por SELMARK (deseño e fabricación de pezas de lencería) e completado polas empresas SYSPRO (servizos orientados á integración de tecnoloxías no campo da automatización, software industrial, robótica e visión artificial), UNIMATE (enxeñería especializada na automatización de procesos con robots industriais) e ENXENIA (enxeñería e I+D especializada no deseño mecánico e asistencia no proceso produtivo a empresas de fabricación e transformación de produtos).
Esta agrupación de empresas conta coa colaboración de AIMEN Centro Tecnolóxico.