FABRICACIÓN ADITIVA POR LÁSER DE PEZAS DE GRANDES DIMENSIÓNS” (ITC-20151267)

- O proxecto FADO, enmarcado no Programa FEDER-INNTERCONECTA, está liderado por CT Ingenierios e nel participan, as empresas Hydracorte, Airgrup, Syspro, Unimate Robotica, e os organismos de investigación Aimen e a Universidade da Coruña.
- Con este proxecto conseguirase a fabricación aditiva mediante láser de pezas de grandes dimensións, mediante un proceso de achega híbrida que combina a achega de material en forma de fío coa achega en po.
- Na industria aeronáutica poderase empregar para a fabricación de pezas en aliaxes lixeiras de gran tamaño; mentres que nos sectores de automoción e metalmecánico permitirá a produción de compoñentes estruturais de grandes dimensións. Así mesmo, o sistema contribuirá a fabricar pezas de alto valor engadido para a industria enerxética, petroquímica ou naval.
Syspro participa no desenvolvemento dun innovador sistema robotizado de fabricación aditiva por láser, que permitirá a reparación e fabricación de compoñentes de grandes dimensións para os sectores aeronáutico, automoción, metalmecánico ou naval, entre outros. Este sistema robotizado combinará a achega láser de fío e po. O dispositivo constará dun cabezal híbrido que garantirá a flexibilidade, produtividade e robustez necesaria para engadir un ou outro material en función dos requisitos de precisión da peza. Grazas a esta solución, que será validada industrialmente sobre compoñentes prototipo de aluminio para o sector aeronáutico, preténdese mellorar a taxa “Buy-to-Fly”, é dicir, a eficiencia do material final empregado, en máis dun 30%.
Así mesmo, aforrará unha significativa cantidade de material, ao potenciar o uso de achega de fío fronte ao de po, unha tecnoloxía máis limpa e respectuosa co medio ambiente que, ademais, implica unha redución de custos. Outros dos beneficios derivados deste innovador sistema é a diminución da cantidade de residuos que xera, en comparación de procesos subtractivos habituais; e a mellora da produtividade, ao conseguir maiores taxas de deposición do material (respecto aos sistemas de deposición exclusivos de po) e unha maior velocidade do proceso.
As aplicacións industriais do proxecto son diversas. Na industria aeronáutica, poderase empregar para a fabricación de pezas en aliaxes lixeiras de gran tamaño; mentres que nos sectores da automoción e metalmecánico, permitirá a produción de compoñentes estruturais de grandes dimensións. Así mesmo, o sistema contribuirá a fabricar pezas de alto valor engadido para a industria enerxética, petroquímica ou naval.
Salto tecnolóxico para fabricar con maior rendibilidade pezas de grandes dimensións
Na actualidade, a fabricación aditiva por láser emprégase en pequenos compoñentes de alto valor engadido e que requiren gran precisión, mentres que a súa aplicación en pezas de maiores dimensións é moi limitada, debido ás baixas taxas de deposición do material que ofrecen as tecnoloxías actuais, baseadas en achega de po. A isto únese a falta de ferramentas de simulación capaces de predicir o comportamento dos compoñentes fabricados mediante esta tecnoloxía, polo que a metodoloxía de traballo se basea en modelos ensaio – erro, o que reduce a rendibilidade.
O desafío tecnolóxico que persegue o proxecto FADO é solucionar estas deficiencias para explotar este sistema en máis produtos e dun xeito máis rápido e efectivo. Os desenvolvementos que se levarán a cabo estarán orientados a posibilitar a fabricación aditiva mediante láser de pezas de grandes dimensións, mellorando a calidade do produto final e aumentando a rendibilidade. Ademais, todo o proceso será monitorizado e controlado en liña con modelos numéricos de simulación, co obxectivo de asegurar a repetitividade do devandito proceso e reducir o efecto das deformacións inducidas pola achega térmica.
Colaboración intersectorial
O proxecto FADO, cun presuposto de 1,5 millóns de euros, enmárcase dentro do Programa FEDER INNTERCONECTA de 2015 (ITC-20151267), subvencionado polo CDTI co financiamento de fondos FEDER, e apoiado polo Ministerio de Economía e Competitividade.
O consorcio, liderado por CT Ingenieros (expertos no desenvolvemento de software e con gran coñecemento do sector aeronáutico) complétano Hydracorte (firma usuaria de tecnoloxía láser para procesos de corte e soldadura), Airgrup (fabricante de compoñentes para o sector aeronáutico), Unimate Robótica (empresa dedicada a solucións robóticas para a industria) e Syspro Ingeniería (compañía dedicada á monitorización e ao control de procesos industriais mediante tecnoloxías como Automatización, Visión Artificial, Robótica e Enxeñería de Procesos).
No marco desta iniciativa, participan dous organismos de investigación, AIMEN Centro Tecnolóxico e a Universidade da Coruña. AIMEN colaborará no deseño do sistema de control en liña e encargarase do proceso de fabricación aditiva e a súa validación, dada a súa ampla experiencia no desenvolvemento de tecnoloxías láser para a industria. Pola súa banda, a Universidade da Coruña participará no desenvolvemento do modelo numérico para a simulación do proceso de Fabricación Avanzada.