DESENVOLVEMENTO DUN SISTEMA INTEGRAL DE FABRICACIÓN MEDIANTE TECNOLOXÍA LÁSER DE FUSTES DE TORRES EÓLICAS DE ELEVADA CALIDADE ESTRUTURAL (ITC-20133028)

O proxecto AUTOWIND é un gran proxecto integrado, de desenvolvemento experimental e de carácter estratéxico, cuxo obxectivo principal é o desenvolvemento dun novo sistema integral de fabricación de torres eólicas baseado na aplicación da tecnoloxía láser de alta potencia para o proceso de soldadura lonxitudinal e circunferencial das distintas virolas que conforman os tramos das torres. Para alcanzar os requisitos de precisión e repetibilidade necesarios para a implantación deste novo proceso de soldadura, é necesario actuar de forma fraccionada sobre os procesos previos de fabricación de virolado e paneado, xa que a súa precisión en axuste e posicionamento e a súa propia robustez, condicionan a factibilidade e calidade da soldadura láser posterior.
Neste sentido, na actualidade, os procesos de curvado e paneado caracterízanse por ser eminentemente manuais, lentos e moi dependentes da experiencia dos operarios. Da mesma forma, o proceso de soldadura actual mediante arco somerxido, require o desenvolvemento dun alto número de pasadas para a xeración da unión soldada. Estes factores críticos orixinan procesos de fabricación de baixa produtividade con altos custos de fabricación asociados e con baixa repetibilidade.
Polo tanto, o proxecto AUTOWIND pretende desenvolver solucións de alto valor tecnolóxico que permitan ganar en produtividade e aumentar a calidade estrutural e repetibilidade do produto final, así como permitir a fabricación de forma rendible dos novos fustes de maior tamaño que demanda o mercado eólico, aspecto que non será posible cos sistemas de fabricación actuais. Estas tecnoloxías habilitadoras que se van desenvolver en AUTOWIND consisten en:
- O desenvolvemento dun sistema de medición e monitorización dimensional do proceso de virolado, o desenvolvemento dun sistema de control do proceso e o desenvolvemento dun software experto para a configuración automática da máquina de curvado durante este proceso.
- O desenvolvemento dun sistema de monitorización e control que permita a automatización do proceso de pañeado entre virolas.
- Aproveitando as vantaxes en termos de precisión e calidade achegadas polos desenvolvementos anteriores, desenvolvemento dun novo proceso de soldadura baseado na tecnoloxía láser de alta potencia combinada con procesos de soldadura por arco para a fabricación das torres dos aeroxeradores.
Este proxecto AUTOWIND foi promovido pola principal factoría de fabricación de torres eólicas de España, GESTAMP WIND STEEL GALICIA, que lidera, á súa vez, o proxecto. GESTAMP WIND STEEL GALICIA dirixirá a integración dos distintos resultados obtidos e a validación das diferentes tecnoloxías desenvolvidas no ámbito da industria de fabricación de fustes eólicos.
O consorcio AUTOWIND conta ademais coa participación de GANOMAGOGA, empresa especializada no deseño e na enxeñería para o sector eólico e de caldeirería pesada en xeral, SYSPRO ENGINEERING, enxeñería especializada en automatización, robótica e desenvolvemento de sistemas de visión artificial para diferentes sectores industriais e EMTE SISTEMAS.
Dada a complexidade do proxecto AUTOWIND, o consorcio contará co apoio de AIMEN, Centro Tecnolóxico líder a nivel nacional en tecnoloxías láser e caracterización de materiais metálicos e con grande experiencia no campo da visión artificial e a sensorización de procesos. Este centro colaborará coas empresas do consorcio AUTOWIND, entre outras tarefas: no desenvolvemento do proceso de soldadura láser lonxitudinal e circunferencial das virolas que compoñen os fustes eólicos e no desenvolvemento dos sistemas de visión e monitorización que permitan a automatización dos procesos de curvado e paneado.
Este proxecto AUTOWIND foi apoiado polo CDTI, o Ministerio de Economía e Competitividade, a Axencia Galega de Innovación (AGI) e o Fondo Tecnolóxico.