DESENVOLVEMENTO DUN NOVO RESPALDO INTEGRAL DE ASENTO DE AUTOMÓBIL MEDIANTE NOVAS TECNOLOXÍAS E SOBREINXECCIÓN
A industria automotora é, e seguirá sendo, un piar fundamental da economía europea, o que xustifica a súa elevada presenza nas follas de ruta tanto nacionais como europeas. O obxectivo fixado pola UE para alcanzar un 20% do produto interior bruto mediante a industria manufectureira en 2020 só será posible cunha forte presenza do sector automotor, polo que é requisito fundamental manter os elementos claves da cadea de valor en Europa. Non obstante, a globalización representa non só unha grande oportunidade ligada ás previsións de crecemento do sector a 100 millóns de vehículos en 2020, senón tamén unha seria ameaza onde os fenómenos de deslocalización están cada vez máis presentes. Neste sentido cabe sinalar que gran parte dos procesos empregados en automoción son relativamente maduros, e son estes, xunto con aqueles de menor nivel tecnolóxico, os que levan consigo un maior risco de deslocalización a países con man de obra máis barata. O que representa, en definitiva, a motivación da solución DESPEGA.
O módulo asento é de grande importancia para os fabricantes de automóbiles, pois representa o 2.º maior custo nun vehículo e supón, ademais, un 6% do peso total. A actuación sobre eles implica, polo tanto, un gran potencial para a rebaixa de custo e peso, tan importantes para o sector. Os asentos de automóbil implican gran complexidade tanto maior e cantas maiores prestacións presente o vehículo concreto, e onde a seguridade e o confort son as premisas básicas dos novos desenvolvementos. Gradualmente os asentos foron incorporando novas prestacións para dar resposta á busca de novas funcionalidades e maior confort do pasaxeiro, especialmente no asento do condutor. Non se pode esquecer, ademais, que estes representan o primeiro contacto co potencial consumidor, polo que constitúen unha ferramenta comercial de grande importancia e, en definitiva, un elemento clave para as innovacións en vehículos.
Xeralmente a fabricación destes implica a subdivisión en múltiples etapas e resulta un proceso pouco eficiente cun gran consumo de recursos en termos, esencialmente, de tempo e materiais. Presenta, polo tanto, un gran potencial para a estratexia de mellora da rendibilidade de novos deseños, DFMA (Deseño para a Fabricación e Ensamblaxe). A solución DESPEGA representa a resposta á busca continua da mellora de procesos tan presente nas axendas europeas de investigación. Así, de acordo á filosofía Lean, efectuarase a integración de tres etapas de fabricación nunha, para o que é necesario a optimización e o redeseño dos compoñentes actuais, coa súa conseguinte complexidade. Habitualmente distínguese entre a fabricación da gomaespuma, a integración da funda e dos mecanismos en etapas diferenciadas. Distingue, á súa vez, o ensamblado á armadura diferenciando entre as funcións asento e respaldo, que se integran finalmente nunha etapa posterior. DESPEGA pretende efectuar o recheo con gomaespuma e a integración da funda e armadura nunha soa etapa. Deste modo facilítanse as operacións de fabricación e montaxe, e diminúense os custos optimizando, para iso, o uso das ferramentas e equipos de fabricación. Así, actuarase sobre o molde que supón a tecnoloxía transversal habilitadora, de grande importancia na fabricación dunha pluralidade de produtos. Os avances actuais no campo da automatización e enxeñería mecatrónica permiten alcanzar un maior control e robustez de procesos. Deste modo é posible, ademais, actuar sobre a ventá do procesado permitindo efectuar operacións de maior complexidade. Neste sentido efectuarase o desenvolvemento dun novo concepto de moldes, moldes activos ou reactores activos, onde a reacción estará controlada. Estes novos moldes, en oposición aos moldes pasivos característicos do estado da arte, incorporarán un sistema de compensación de temperatura e presión baseado en control computacional. Co cal representarán un salto tecnolóxico en relación aos procesos convencionais. Por un lado, fronte ao proceso de espumado in-situ, no que é posible fabricar nunha mesma etapa funda e gomaespuma en detrimento das prestacións de confort do produto obtido. Así como en relación ao proceso convencional de fabricación en sucesivas etapas, coa conseguinte problemática explicada con anterioridade. A formulación da gomaeesspuma deberá ser igualmente optimizada, para axustarse ás novas condicións de procesado e alcanzar unha boa adhesión e enchedura tanto coa funda como coa armadura metálica. Por último, efectuarase un redeseño da armadura metálica para adaptarse ás novas condicións de proceso, así como o deseño de novos mecanismos para efectuar a ensamblaxe final.
En definitiva, o proxecto DESPEGA, permitirá efectuar un complexo sistema premontado de grande atractivo para as liñas de montaxe de asentos ou ben directamente para os OEM. Neste sentido, cabe destacar o modo operativo do sector onde a industria de compoñentes está adquirindo un peso cada vez maior na totalidade do proceso produtivo do automóbil. É por iso que nos últimos anos o sector está asumindo funcións máis complexas como a coordinación con outros provedores e o investimento en I+D+i.
Con motivo de afrontar o reto tecnolóxico que formula a solución DESPEGA é necesario involucrar o conxunto de empresas implicadas na cadea de valor do módulo asento. De modo que CENTRO TECNOLÓXICO DO GRUPO COPO, moldista e formulador de gomaespumas, COPO IBÉRICA fabricante de gomaespuma de asento, e VIZA AUTOMOCIÓN empresa especializada na fabricación de estruturas e mecanismos de asentos permitirán actuar sobre os diferentes integrantes da solución. Para lograr os obxectivos propostos é necesario, ademais, incorporar unha empresa especializada na automatización de procesos, SYSPRO, que posibilitará desenvolver o concepto de molde activo. Por último, e con motivo de alcanzar unha maior eficiencia no proceso, a empresa TECNIMACOR actuará sobre a optimización do proceso de desmoldear. Pois este trátase dun dos maiores colos de botella do proceso de inxección de poliuretano. O consorcio descrito require o apoio de dúas entidades de investigación, os Centros Tecnolóxicos AIMEN e CTAG e as Universidades de Córdoba e Granada para aquelas tarefas que teñen un peso científico e técnico maior. A experiencia destes nas liñas de investigación propostas será fundamental para a consecución dos obxectivos contemplados no proxecto.
DESPEGA, ademais, está aliñado coa estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia. Estratexia que persegue concentrar recursos nun conxunto limitado de áreas prioritarias nas que a rexión ten vantaxes competitivas. Así, o sector da automoción é un dos motores máis importantes de Galicia e representan un elemento vital para a supervivencia do tecido industrial da rexión e que goza, ademais, dun posicionamento forte en relación ao territorio español. O sector de automoción galego, liderado por PSA Vigo, converteuse nun referente internacional. De modo que a produción de vehículos en Galicia representou en 2014, preto do 16% da produción nacional. Esta cifra converte o Centro de Vigo na 2.ª planta con maior produción de España, só superada por Seat Martorell (cun 18%). Arredor da factoría de capital francés desenvolveuse unha importante industria de compoñentes, que non cesa de atraer investimento estranxeiro. Esta situación vese fortalecida, ademais, pola constitución, como elemento aglutinador da industria de compoñentes do Cluster CEAGA (1997) que conta na actualidade con 106 empresas adheridas a esta. Na comparativa por comunidades, Galicia é a quinta autonomía en número de empresas do subsector de compoñentes (52).
Como se apuntaba con anterioridade, a deslocalización de empresas da cadea de valor é un feito patente, que se traduce nun panorama industrial no que CETEC é na actualidade dos poucos moldistas de poliuretano que efectúan o deseño e a fabricación en Europa destes elementos clave. Isto dota de grande axilidade á cadea de valor do módulo asento debido á súa localización física e á súa proximidade cos provedores e OEM. E mostra a importancia estratéxica do proxecto DESPEGA para reforzar e garantir a permanencia da cadea de valor do módulo asento no ámbito galego.
Este proxecto foi apoiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), polo CDTI e polo Ministerio de Economía e Competitividade.